POLA INTEGRACIÓN DAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES
NO SISTEMA UNIVERSITARIO GALEGO

Recentemente o Tribunal Supremo resolveu que as titulacións que ofrecen os centros superiores de ensinanzas artísticas perdan a súa condición de título de Grao, sen que a día de hoxe as autoridades educativas teñan dado resposta a un problema tan grave.

Diante desa situación, a Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Universitario Galego reclama das administracións educativas unha solución inmediata e razoable a un problema que afecta ao estatuto das ensinanzas e aos lexítimos dereitos de docentes, discentes e persoal de administracións e servizos dos centros que as imparten.

Consonte o carácter superior das ensinanzas e para garantir que esa dimensión
superior sexa efectiva e real, reclamamos a nosa adscrición inmediata á universidade nun proceso pactado entre as partes que remate coa plena integración na mesma, garantindo os lexítimos dereitos do alumnado que desde setembro de 2010 se matriculou nunhas ensinanzas con condición de Grao e que agora se vai reconverter en Título Superior, o que supón un paso atrás no proceso de equivalencia de titulacións.

Por outra parte queremos expresar que este proceso de “degradación” das ensinanzas artísticas superiores pode afectar gravemente ao proceso de consolidación dunhas ensinanzas estratéxicas para o tecido creativo e produtivo deste país, e reclamamos igualmente das administracións públicas un plan de dignificación e financiamento das mesmas para que poidan cumprir con criterios de calidade e excelencia a súa función educativa e o seu rol no proceso de vertebración dunha economía sostible e vizosa, pois os creadores tamén facemos país.

Reclamamos pois das forzas políticas e do goberno que se constitúa en función dos resultados das eleccións que se van celebrar o día 21 de outubro de 2012, unha solución inmediata ás lexítimas demandas desta Plataforma.

Asemblea de alumnas e alumnos do CSM de A Coruña
Asemblea de alumnas e alumnos do ECRBC de Galicia
Asociación de alumnos e alumnas do CSM de Vigo
Asociación de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia
CIG Ensino, Confederación Intersindical Galega
Comisións Obreiras. Federación do Ensino de Galicia
Conservatorio Superior de Música de Vigo
Conservatorio Superior de Música de A Coruña
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
Escola Superior de Conservación e Restauración de BBCC de Galicia
FETE-UGT Galicia.
STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia

Advertisements