Xa non hai grao? En que situación fica a titulación? Ao final de 2012 apenas sabíamos que:

Ata o momento, o fallo favorable ao recurso interposto por varias universidades españolas á Lei que transformou os estudos superiores de Conservación e Resaturación (ata entón equiparados a Diplomatura) no actual Grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, non deixa de sementar dúbidas.

Unha incógnita, non menor, é o carácter que vai ter o título que se obtén ao finalizar esta carreira. Se vai ser equiparable a Grao con restricións ou equiparable a todos os efectos a Grao universitario. En semellante situación se encontran a Escola e o profesorado.

Se ben se nos di que é o mesmo, e que tanto ten preocuparse por isto, achamos que esta postura só beneficia a quen queren que todo siga igual. Os beneficios de estar totalmente integrados na Universidade son razóns de peso para posicionarse en favor desta opción.

Mais interesa tamén saber o que vai acontecer ao currículo, a organización do curso, das materias e do propio centro educativo. No ano 2009 a administración esixiu que adaptásemos todo o sistema ao Espazo Europeu de Ensino Superior. Os notables esforzos feitos para reestruturar a titulación, que afectaron tanto a alumnos como a profesores, non se poden logo esquecer.

Se a tendencia dos últimos anos foi a normalizar os estudos artísticos superiores, por que razón faltar agora ao que noutros países xa se ve con normalidade? Por que seguir representando unha anomalía? Que medo existe a que as escolas de Conservación fagan parte do sistema universitario, como xa o fan en Portugal?

O principal signo da resaca post-Sentenza é que as escolas e os alumnos estamos divididos. Non todos comparten a nosa opción e así o grupo que xira en torno a ACESEA posiciónase pola continuidade do modelo con algúns puntos de maquillaxe como a denominación (Grao).

O 20 de Setembro de 2012, semellaba estar perto o fin das incertezas, coa celebración dunha reunión que emprazou as dúas partes e o goberno español no Ministerio de Educación.  O ministerio presentou a súa proposta para un anteproxecto de Lei, que implicaría manter a denominación “Título Superior”. Non recolle as propostas da Plataforma.

Porén, no inicio de 2013 recibimos unha nova favorable á opción pro-universidade. Como a LOU e a LOE, a nova LOMCE recollería a posibilidade de pactar a adscripción á universidade a nivel autonómico. Co fin de acadar este obxectivo, a Plataforma Galega pola Integración das EAS na Universidade iniciou a campaña definitiva para conseguir da Xunta de Galicia a adscripción á universidade galega a partir do 01/07/2013, como paso previo á integración total.

Relacionada: Opcións posibles